=> Incio | Blog

Resumo de 2023. Actividades.

este artigo está copiado do blog na web, as ligazóns están abaixo de todo e as imaxes a ver se as subo aquí tamén se non se queres vas alí e velas, pero total, só é para facer bonito e que non se lle atrangate a ninguén tanta letra e leve un disgusto.

Datos

desde garmin, para comparar con [anos anteriores][4]

imaxe da táboa de datos agregados en 2023

total de distancia e tempo acumulado durante o ano

por meses, desde o meu FitTrackee

actividades agrupadas por mes e horas

tempo acumulado, por mes e tipo de actividade

totalizados

Aquí non se ve a táboa co formato correcto, pero seguindo o formato establecido e facer comparación directa

ano | tempo | distancia | núm. actividades(*)

:--- | :---: | ---: | :---:

2023 | 406 h. | 3902 km. | 417

2022 | 459 h. | 4885 km. | 421

2021 | 580h. | 6449,42km | 548

2020 | 393h. | 6623km. | 403

2019 | 316h. | 5007km. | 284

* * *

caio en picado XD

era visto, pero creo teño que dicir que me parece sustentable. Quixera ter corrido mais, iso si.

Carreiras

só [sete][5], contando a Andaina de Brión, e realmente non boto en falta ir ás carreiras.

Saúde

Non teño queixa. Só un par de catarros moi lixeiros a final de ano, pero a medicación de problemas agudos por correr é moi ocasional. Non fixen a conta, pero vendo o diario paréceme menos que outros anos (que xa era pouco).

Non me lesionei nin levei golpes nin tiven que parar de facer actividades por estar cansado ou esgotado.

Valoración

O primeiro é falar dos quilómetros e das horas invertidos en facer algún tipo de actividade.

Tiven saúde física, por esta parte non me podo xustificar. E aínda menos queixarme. Sen lesións, nin tan siquera dor recurrente (mais alá dalgún problema agudo, puntual). E iso que os dous ou tres primeiros meses do ano andiven cunha molestia rara e descoñecida en min, nos nocellos, nos dous! debaixo da "bola". Molestábame máis andando que correndo. Foi remitindo soa, pero chegou a preocuparme (o calzado? mala técnica?).

Do que si teño que dicir é o número tan baixo de carreiras nas que participei. Só 7 .

e por que?

Porque non tiña motivación ningunha para ir. Das que participei a varias fun só por costume, pola tradición de ir, como quen vai ao Corpiño. Só participei con ilusión na [Andaina de Brión][1], por ser 50 km, que non facía desde había moitos anos (en Padrón).

Falei de todas as carreiras [aquí no blog][2], e a maioría foron actos de fe, no sentido de que sei que unha vez alí vouno pasar ben (libre dun golpe). Mais a ilusión por participar, por competir, ir ver sitios novos... non estaba.

Enténdeme: non fun obrigado, fun porque sei que me presta ir.

Corrín en sitios bonitos, por corredoiras nos bosques, pasei xunto a fermosas fervenzas, por altos con vistas infinitas sobre Galicia e incluso corrín polas rúas medievais de Compostela. Pasei algo de calor e un pouco de frío. Rematei enchoupado e esgotado. Sen forzas para continuar correndo e outras veces con avaricia de aire e sen alento. Sempre ben, sen caídas importantes, sen ir máis alá do límite que eu sinto seguro.

Non teño ilusión por ir ás carreiras porque xa fun a moitas durante máis de vinte anos. Pode que xa fose a todas as que tiña que ir. Non é culpa das carreiras, que son as de sempre, aínda que diferentes, porque o caracter das mesmas cambiou igual que cambiei eu. Non é prezo, o que custa participar, aínda que [podería dicir algo ao respecto][3]. A razón son eu.

e as persoas?

Non vía en todas as carreiras sempre as mesmas persoas. É dicir, pasaban meses cando coincidía con alguén, igual que agora, así que ninguén me botará en falta (que tampouco é que fose eu o señor ese que se pon díante facendo fotos). Con aparecer por alí de cando en vez xa abonda (neste sentido).

Non teño a Correr en Galicia e creo que iso si inflúe na falta de motivación para ir ás carreiras. Duns anos para aquí o foro prácticamente esmoreceu, e sempre era agradable compartir despois coa xente coa que falabas en persoa nas carreiras.

Agora as organizacións están volcadas principalmente en Facebook. Antes de estar eu en FB (ou outras) deixo completamente de ir ás carreiras. Non me costaría nada, xa estou afeito a non ter comunidade e estar só.

e no 2024?

Firmo onde sexa repetir o 2023.

Saúde, ánimo para manterme activo, para intentar alimentarme ben e poder seguir xogando cos nenos (cada vez máis difícil).

O máis probable é que siga indo ao Corpiño e se a saúde e a motivación están aí entón faga algunha carreira longa no verán.

Participar en carreiras de un par de horas non supón ningún tipo de preparación ou adestramento. Participar en maratóns (por estrada ou montaña) xa require planificación.

Se a motivación polas carreiras a dou por perdida, prego por non perdela para ser unha persoa activa. Só pido isto.

Grazas por ler isto.

Estou en [ghose][6], por se queres dicirme algo ou mira na sección [Contacto][7]

=> Inicio | Blog

Proxy Information
Original URL
gemini://gem.xmgz.eu/gemlog/2024-01-07-actividades-23.gmi
Status Code
Success (20)
Meta
text/gemini; lang=en
Capsule Response Time
379.162056 milliseconds
Gemini-to-HTML Time
1.564839 milliseconds

This content has been proxied by September (ba2dc).